En Piornedo, as diferenzas entre os veciños en canto a riqueza, traballos e forma de vida eran pequenas. Non había braceiros nin rentistas (aínda que podías levar á renda algunha finca). Todos os veciños eran propietarios das casas, das fincas e do monte.
Aínda así, había unhas casas máis poderosas economicamente que se diferencian porque tiñan rodeada por unha muralla e pechada con portada o curral coa casa, palleiro, horro e o cuarto. Normalmente tiñan máis gando, recollían máis pan e tiñan auga no curral (de pozo ou de fonte). Ás veces podían ter criados; rapaces de familias que tiñan moitos fillos e que non os podían manter, pasaban temporadas nunha destas casas con máis posibles e traballaban por pouco máis que a comida. Podemos destacar na aldea catro destas casas: a de Pedrete, onde nos atopamos agora, a de Marqués, a do Coxo e a de Mourazo.
Aquí, na casa de Pedrete dise que tiveron tamén unha carta executoria de fidalguía das máis modernas, que outorgaba o rei e que lles garantía certos privilexios, pero extraviarona fai anos. Obtivérana porque unha persoa desta familia foi camareiro do rei e deulla en pago da súa dedicación. Trouxo unha para a casa de Pedrete e outra para a casa do Roxo de Degrada que tamén eran da familia.
Non deixedes de admirar a portada que fixo o tiu Vicente de Pedrete antes de marchar para Arxentina polo 1920. Ten un chamador en forma de serpe.