Clodio González no seu libro Piornedo, unha comunidade de alta montaña dos Ancares (Ed Difusora, 2012), despois de consultar o Catastro da Ensenada no relativo á fidalguía e comparar a porcentaxe de fidalgos da parroquia de Donís, e máis concretamente de Piornedo, con distinguidas poboacións de Galicia, conclúe que habería que poñer un cartel á entrada da aldea que rezara “Piornedo, Terra de Fidalgos”. Pareceunos interesante a idea e por iso fixemos este mural de benvida.
Non queremos reivindicar con isto un tempo de privilexios nin de castas que afortunadamente quedou atrás, senón sacar á luz algún dato da nosa historia, porque poucas veces estas pequenas aldeas se fan un oco nos documentos históricos.
Segundo o Catastro da Ensenada en Piornedo polo ano 1750 había 16 familias fidalgas, dous labregos e unha viúva. Refírese a unha fidalguía antiga, de linaxe, relacionada coa pureza de sangue, a cal se outorgou antes do século XV a poboacións illadas ás que non chegou a invasión árabe e polo tanto non houbo mestura de sangue (hijosdalgo de sangre). Unha fidalguía diferente da que se obtiña mediante cartas executorias que outorgaban os reis en séculos posteriores (hidalguía de ejecutoria).
Os privilexios que tiñan os nosos antepasados, fidalgos pobres e traballadores, eran a posibilidade de ter propiedades de seu, de ser elexidos para cargos e a exención de impostos (non eran peiteiros), o cal xa non era pouco.
Parece que tamén estaban exentos de quitas e levas e de aloxar soldados, tiñan obriga, iso si, de manter armas e cabalo. En relación con isto hai documentos que se poden consultar no Portal de archivos Españoles (PARES). Estes documentos están escritos en letra gótica polo que son difíciles de transcribir pero espertaron o noso interese pola á súa antigüidade. Podes descargalo aquí.
“….Carta ordenando se guarden las hídalgulas en materia de impuestos a unos vecinos, que se citan, de la feligresía de Donis en tierra de Cervantes, a petición de Arias de Piornedo.-Chancillería”, do ano 1486 ou en 1528 “Ejecutoria del pleito litigado por Pedro Rodríguez Piornedo, vecino de Piornedo (Lugo), con el concejo, justicia y regimiento de dicho lugar sobre su hidalguía”.
No mesmo portal tamen aparece unha sentenza sobre o monte ditada en 1799 e que se pode descargar aquí.
“El lugar y vecinos de Suarbol (León), perteneciente a la abadía de San Andrés de Espinareda, contra el lugar de Piornedo (Lugo), concejo de ..”
No citado documento hai algúns datos interesantes, moi difíciles de confirmar, como a testemuña de que o monte era dos veciños dende tempo inmemorial (o cal poidera ter algunha relación coa fidalguía) e tamén se fala dun antigo incendio que parece ter habido no lugar.
Tiñamos a sentenza orixinal pero alguén lla prestou ao avogado Antonio Rosón, que tiña interese persoal en consultala, e tralo seu falecemento non puidemos volver a facernos con ela, tivemos que pedir unha copia ao arquivo.
Por outra parte, no lugar no que nos atopamos, non podemos deixar de falar deste edificio, que nós lle chamamos a escuela:
Esta antiga escola foi feita polos veciños no ano 1950 aproximadamente, con local para escola (mixta) e unha pequena casa para o mestre ou a mestra. Os veciños e veciñas venderon a madeira do monte e apalabraron a cambio unha cantidade de diñeiro e a construción da escola. A escola fíxerona entre os veciños e os traballadores da empresa que viña sacar a madeira. É unha construción pobre e fría, pero cumpriu a súa función mais de tres décadas e hoxe tamén a cumpre como sede social e lugar de celebración de todas as actividades que se organizan na aldea.
No tocante á madeira do monte, aínda hoxe non se cobrou. Os veciños xa o prevían porque quen apalabrou o trato foi un tal Baladrón, que seica pertencía ao círculo de Franco. Non se atreveron a reclamar os cartos. Coa madeira das nosas rebolas, de calidade excepcional, fabricáronse barricas que primeiro serviron para elaborar xerez e despois foron para o whisky de Macallan.
Pero volvendo ao tema do edificio, este funcionou como escola ata o 2005 aproximadamente, cando construíron unha agrupación escolar en Donís totalmente desproporcionada coas necesidades do momento. Pechou nos anos 90. Hoxe os nosos nenos e nenas teñen que viaxar en transporte escolar durante unha hora ata Navia de Suarna.
Máis información
- O libro Piornedo, unha comunidade de alta montaña dos Ancares (Clódio González. Editorial Difusora, 2012), pode atoparse á venda na Palloza Museo e tamén nas librerías. Compartimos unhas imaxes da súa portada e de dúas táboas que contextualizan a cantidade de fidalgos de Piornedo en comparación con outras zonas de Galicia.
- Documento “Que se guarden las hidalguías a unos vecinos de la feligresía de Donís en tierra de Cervantes“. Archivo General de Simancas.
- Documento “El lugar y vecinos de Suarbol (León), perteneciente a la abadía de San Andrés de Espinareda, contra el lugar de Piornedo (Lugo), concejo de Cervantes, sobre espera“. Archivo Histórico Nacional.