2. A fonte do Marelo

Neste segundo punto toma a palabra Amelia do Roxo, quen contará algunhas das historias que coñecemos da fonte do Marelo, a fonte á que a xente de lugar acudimos na busca da auga máis fresca.

Amelia tamén explica a importancia de que cando coñeces a alguén desta zona, preguntes sobre a casa ou familia á que pertence. 

DE FONTES E PARENTELAS

Aquí estamos, na fonte do Marelo, unha fonte de auga cristalina que non seca no verán e que merece a nosa atención polas estatuas de pedra que ten na parte superior.

Se nos fixamos na inscrición que ten ao fronte non é moi antiga: Hizose en 1787, pero as figuras humanas están bastante desgastadas polo que puido ser obxecto dunha restauración ou modificación. Lémbranos antigos cultos pagáns relacionados coa fertilidade porque as figuras dun home e dunha muller aparecen espidas e tapando coas mans o peito e o sexo. Tamén parece como se chantaran a cruz no medio para cristianizar a escultura… pero nós non somos especialistas, deixamos aquí a cousa…

Na Guerra Civíl ou na posguerra, en pleno furor clerical, destruíronas a tiros por estar espidas, polo que fai uns 30 anos houbo que restituírlles as cabezas e unha perna. Esta recuperación fixérona uns canteiros de Pontevedra de forma totalmente desinteresada e non temos nin os seus nomes para recoñecerlles o traballo.

No lugar de Piornedo hai 19 casas con distintos nomes que iremos mencionando ao longo do paseo. O mais importante á hora de identificar a unha persoa é coñecer o nome da súa casa. Se che preguntan quen es, dis o teu nome e o nome da túa casa. Por exemplo: son Amelia do Roxo. Se te atopas con alguén fóra, con eses datos a persoa xa ten información da familia á que pertences e sabe se ten que convidarte ou se non… As parentelas nesta zona, mantiñan as boas ou malas relacións durante varias xeracións.

Para continuar a nosa ruta guiada, tes que volver ao Teixeiro, a árbore que está un pouco máis adiante á túa dereita, fronte á escola.

Máis información

Descubre Piornedo

Descubre Piornedo 1
Scroll ao inicio