Fixemos unha parada antes no Quintairo das Ovellas, e agora imos facer o propio no Quintairo das Cabras. Os rapaces máis novos eran os que ían pastorear as cabras, porque hai que andar ben para seguirlles o paso.
No Quintairo das Cabras está a cantina, que sempre é o lugar de encontro dos veciños e dos visitantes.
Un pouco máis arriba está a casa do Coxo que tamén foi cantina ata os anos 80. José María, que era o dono (ten unha placa dedicada na fachada da casa), era moi intelixente e emprendedor, tamén era unha excelente persoa. Na cantina de José María podíase comer e beber, pero tamén comprar zapatos, medicamentos, lanternas e todo o que a xente podía necesitar. Tamén comerciaba con produtos que se recollían na zona; compráballe á xente xanzá, paraza de acevo e de sanguiño, árnica, papeira, flor de boito e outras herbas para facer menciñas e víñanllo recoller aquí.
Foi unha persoa moi coñecida e moi querido polos primeiros montañeiros e turistas que viñeron polo lugar. A súa casa era a casa de todos.