Estamos na casa de Perdigón, a que ten máis metros cadrados de teito de toda a aldea. En total, máis de 400 metros cadrados de teito de palla.
Tedes que saber que neste caso están unidos baixo o mesmo teito a casa e o palleiro, pero é unha unión solo exterior, no teito, porque a casa e o palleiro teñen a súas armacións independentes e non hai acceso interior dunha á outra. Esta unión seguramente se fixo porque estaban moi xuntas e asi podíanse aforrar metros de teito que manter.
Se te fixas ao teu redor, outras familias como a casa do Ancho que está en fronte, co palleiro e a casa independentes aínda teñen máis teito que conservar.
A conservación dos teitos sempre foi unha preocupación para os veciños do pueblo. Os nosos devanceiros para facer un mantemento anual axeitado dos teitos sementaban grandes extensións de pan (centeo) e pasaban uns traballos enormes porque as plantacións que se facían no monte, onde medraba a palla máis dura, non se araban, todo se facía a man.
Agora que hai pouca xente nas casas e todos con bastante idade, esta forma de cultivalo pan xa resulta imposible. O pan ten moita merma, dunha hectárea podes sacar nun ano bon uns 200 colmos. Con 200 colmos non teitas máis aló de 40 metros cadrados e faría falta teitar cada ano uns 15 ou 20 metros cadrados en cada casa para que pasados 15 anos, que é o que ven durando a palla, poidas volver a empezar.
A pesar de todas as dificultades, un grupo de veciñas (tamén hai un socio) agrupadas na asociación Teitos de Piornedo decidimos poñernos mans á obra e empezamos de novo a botar pan. Temos tres parcelas pechadas para que non entre o xabaril e de paso que conseguimos algún colmo para ir facendo amaños (non todo o que precisaríamos), mantemos os saberes e as festas tradicionais arredor do pan (a sega e a mallega).
Todo o traballo é manual: segamos coa Bertolina ou co fouzo, carrexamos e facemos a meda; mallamos cunha Campeva de 1940 aproximadamente; escolmamos á man e despois teitamos. Todo isto non sería posible sen a axuda de amigos e veciños e non podemos sementar unha extensión moi grande para non abusar da súa xenerosidade e tamén porque case non hai xente nova que poida axudar.
Pensamos que Piornedo é un patrimonio único e que a administración ten a obriga de retomar os traballos de mantemento anual que fixo dende o ano 2000 ata o 2010 e que despois abandonou. Somos conscientes de que a nosa labor non abonda, pero queremos poñer o noso gran de area e de paso mostrar a nosa preocupación e a nosa impotencia pola situación.
Máis Información
- Aquí vos deixamos un vídeo realizado por Jose García Fernández da mallega do ano 2022.
- Neste folleto sobre Técnicas de Teitado podes aprender sobre a complexidade dos teitos de palla e o seu valor arquitectónico e etnográfico.
- Na páxina de Facebook de Teitos de Piornedo, podedes atopar información sobre os traballos de teitado das casas vellas e como os facemos.
- Aquí compartimos unha galería de imaxes onde podes ver os traballos da sega e da mallega en Piornedo.
- Se queres colaborar con Teitos de Piornedo, podes contactarnos nos seguintes teléfonos: Isolina (630 41 15 18), Lola (659 52 39 11) ou Lucía (633 84 25 57).