Cunha antigüidadade de moitos miles de anos, presente en culturas tan importantes como a exipcia, a grega, a romana, etc., a pandeira tamén forma parte da tradición musical de Piornedo de Donís (Cervantes), lugar representativo dunha zona montañosa, chamada xenericamente Ancares, que comprende parte das provincias de Lugo, León e Asturias e que ten no uso deste instrumento de percusión un denominador común.
O seu valor cultural é incalculable polo arraigo tan intenso que ten nesta zona e pola riqueza e variedade a que está sometida nos diferentes lugares. Os instrumentos fabricábanos moitas veces os propios veciños con materiais caseiros, configurándose así tipoloxías locais. Casi en cada aldea hai unha maneira de tocar: a dúas maos, a unha mao, á mao volta, co puño, cos dedos. Casi en cada aldea hai un repertorio distinto, con interesantes variedades da Moliñeira, da Jota, do Baile Chao, da Gallegada, dos Cantos de Voda, do Balán-tan-tan e outros xéneros, co baile e o canto como complementos naturais.
En preocupante perigo de desaparición, a pandeira resiste aínda na actualidade da mao de mulleres de avanzada idade, que aprenderon tocar na súa xuventude por tradición oral, cando había moita mocedade nas aldeas, antes de que a posguerra, a emigración e a modernidade cambiaran a maneira de relacionarse, de divertirse. Estas mulleres e as súas habilidades musicais deben ser respetadas e valoradas pero, sobre todo, estudiadas e comprendidas para que unha parte importante desta cultura de montaña, entre os tres territorios, siga viva entre nós.
A “Festa da pandeira” consiste nun encontro en Piornedo de varias tocadoras da zona ás que se quere homenaxear, polo mérito de seren portadoras dunha arte musical valiosa, e das que se quere disfrutar cos seus toques e relatos. Co afán de difundir todo isto, na medida do posible, invítase a asistir ás persoas interesadas.
