Aquí en Piornedo, a finais do século XIX e primeiros do XX, houbo anos de bonanza económica e moitas familias aproveitaron para construír os cuartos. Os cuartos eran casa pequenas, de pouco máis de 50 metros cadrados, feitas de pedra e con cuberta de lousa. Tiñan dous pisos e utilizábanse para gardar gando no piso inferior e no superior para gardar roupa ou durmir no verán, sobre todo as parellas novas que querían máis intimidade. Tamén eran o aloxamento da xente da familia emigrada que volvía no verán.
As obras de pedra facíanas os canteiros de Pontevedra, viñan en cuadrillas e botaban aquí temporadas. Normalmente dende a primavera ata que empezaba a facer moi mal tempo e non podían traballar fóra. Os canteiros botaban varios anos para facer un cuarto ou unha casa.
Ías ver como traballaban e, se che gustaba, apalabrabas a obra; así dunha casa pasaban a outra. Ademais de pagarlles, no trato tamén ía que había que mantelos e aloxalos durante o tempo que traballaban para a casa.
A lousa ao principio sacábase de Penalonga e os últimos anos, antes de chegar a estrada traíase con cabalos dende os Cabaniños (ían todos os veciños facer un carreto).
Neste lugar tedes varios exemplos de traballos destas brigadas de canteiros: a casa de Robledo, o cuarto e a casa de Chis e tamén o cuarto de Pedrete.
Moitos destes cuartos ampliáronse nos anos 70 e 80 e deron lugar ás actuais casas das familias que vedes actualmente, pero aínda se poden observar varios sen modificacións no lugar.
Estamos no Cuarto de Chis, un fabuloso exemplo de cuarto tradicional orixinal. Ás nosas costas temos tamén o cuarto de Pedrete, algo máis grande e mellor traballado porque era a forma de demostrar o poderío económico da familia.
Os canteiros que fixeron o cuarto de Pedrete recibiron o encargo e empezaron a traballar, a persoa que lles encargou o traballo non veu ver a obra ata que xa tiñan levantado algo máis dun metro. Din que foi a mesma persoa que conseguira a carta executoria que falamos no punto anterior, pero non trascendeu o nome no relato oral. O caso é que cando viu o traballo que estaban facendo os canteiros, non lle gustou. Dixo que non lle parecía moi ben paredado e entón o xefe dos canteiros díxolle que sabían dous traballares pero que tiñan distinto prezo. O home respondeu que utilizaran o bo, que non se preocuparan polos cartos. Se vos fixades na parede nótase perfectamente que a partir dunha altura as pedras están mellor labradas e encaixan perfectamente.