7. A casa de Pedrete

Continuamos o paseo con Amelia, que desta volta nos trae ata a casa de Pedrete para falar das diferencias económicas entre as familias do lugar. Hoxe aínda podemos ver as pegadas da historia na forma en que están construídas as casas que tiñan máis posibles: amuralladas e cunha portada.

 

Riqueza e traballos

En Piornedo, as diferenzas entre os veciños en canto a riqueza, traballos e forma de vida eran pequenas. Non había braceiros nin rentistas (aínda que podías levar á renda algunha finca). Todos os veciños eran propietarios das casas, das fincas e do monte.

Aínda así, había unhas casas máis poderosas economicamente que se diferencian porque tiñan rodeada por unha muralla e pechada con portada o curral coa casa, palleiro, horro e o cuarto. Normalmente tiñan máis gando, recollían máis pan e tiñan auga no curral (de pozo ou de fonte). Ás veces podían ter criados; rapaces de familias que tiñan moitos fillos e que non os podían manter, pasaban temporadas nunha destas casas con máis posibles e traballaban por pouco máis que a comida. Podemos destacar na aldea catro destas casas: a de Pedrete, onde nos atopamos agora, a de Marqués, a do Coxo e a de Mourazo.

Aquí, na casa de Pedrete dise que tiveron tamén unha carta executoria de fidalguía das máis modernas, que outorgaba o rei e que lles garantía certos privilexios, pero extraviarona fai anos. Obtivérana porque unha persoa desta familia foi camareiro do rei e deulla en pago da súa dedicación. Trouxo unha para a casa de Pedrete e outra para a casa do Roxo de Degrada que tamén eran da familia.

Non deixedes de admirar a portada que fixo o tiu Vicente de Pedrete antes de marchar para Arxentina polo 1920. Ten un chamador en forma de serpe.

Descubre Piornedo

Descubre Piornedo 1
Scroll ao inicio