Gustaríanos que se tiveran realizado escavacións arqueolóxicas porque todo o mundo nos pregunta cal é a antigüidade das casas e do pobo e non temos a resposta.
As casas son prerromanas pola súa forma e polos materiais cos que están construídas, pero non sabemos se é un asentamento da época castrexa (tribus Astures) ou se se fundou máis tarde. Non hai cousas escritas tan antigas e o único que temos son algúns vestixios como a simboloxía que hai nos hórreos e tamén algunhas costumes precristiás, como a de non apagar nunca o lume.
A estatua que vedes encima do horro do Coxo déronlle en chamar o Tiu Anxelón, por un home que vivía na casa do Coxo.
Contan algúns que a atoparon os do Coxo fai moitos anos arando nas Novas, chamoulles a atención e colocárona no pico do horro. Pero non se sabe se é así ou se a fixeron eles mesmos, como tamén pasou coa fonte do curral do Sesto que a fixo Albino hai uns anos.
Ten dúas características das que falan os libros de arte: hierática e sedente pero…
O Concello
O Concello é outra das costumes que seguimos mantendo en Piornedo: a reunión dos cabeza de familia de cada casa para decidir sobre aspectos que nos afectan a todos e todas. Antes, a esta reunión só asistían homes, pero hoxe tamén hai mulleres.
Cada mes, un destes cabeza de familia é o celador, que se encargará de chamar ao Concello a reunirse para calquera decisión que precise acordos ou tamén por petición de calquera persoa da veciñanza. Antes, cando éramos moitos habitantes no lugar, había que facer traballos comunitarios como a limpeza ou os arranxos en diferentes zonas e era o celador dese mes a persoa encargada de organizalos.
A planta da luz, a escola ou a traída da auga, son algunhas das cousas que se fixeron entre toda a veciñanza.