13. A pedra plana

Na pedra plana, un dos sitios onde se xunta a rapazada, Carla fálanos sobre o monte de Piornedo e o mandado que recibimos dos nosos antepasados: coidalo e protexelo.

O monte de Piornedo

A ver… realmente “a pedra plana” non é o nome orixinal desta pena, así é como lle empezaron a chamar as rapazas e os rapaces porque é un bo sitio para coller cobertura de móbil e acostuman xuntarse nela. Non nos poñemos de acordo no nome que ten de vello: Pepe de Chis di que é a Pedra do Viso, outros o Penedo de Tralo Sesto e un cura que houbo no lugar, Don Liborio, bautizouna como “o mirador”.

Na parte de abaixo vedes o panel de inicio da Ruta de Tralo Sesto da que falamos no punto anterior. É unha ruta curta, uns 2 km pero non é moi doada porque ten moita pendente e hai que ir polo medio das pedras. Pero merece a pena. Algunhas veces está algo chea de monte porque é un val cálido, así que medra a maleza e hai que rozar dúas veces ó ano.

Estamos no sitio ideal para falar do monte, desde este sitio vese boa parte do monte de Piornedo e as vistas neste punto nunca deixan indiferente.

O monte de Piornedo é un monte de Varas ou Abertal, propiedade dos veciños, con documento de propiedade pero de uso común; aínda que algúns aproveitamentos se poidan restrinxir en función da participación que ten cada un (as searas, medíanse en varas e a cada un correspondíanlle tantas varas como parte tiña no monte).

Son unhas 900 hectáreas de bosque autóctono, humidais, alta montaña, piornal… un paraíso de biodiversidade nun estado de conservación excepcional.

No seu día o monte era o que garantía a supervivencia dos veciños: utilizábase para pastos, para sacar a madeira coa que se construían as casas, tamén a leña; sementábanse searas e searos estacionais, recollíanse abelás, castañas, landas, arandos, plantas medicinais… Debido á importancia que tiña para os veciños houbo varios preitos pola defensa do monte, o máis importante chegou á Chancillería de Valladolid onde se ditou en 1799 a Carta Executoria sobre aproveitamentos de pastos e leñas mortas nos lindes dos montes de Piornedo e Suarbol.

Hoxe, debido ás declaracións de conservación que lle afectan, o único que podemos facer co monte é pasear por el e presumir.

A Asociación de Propietarios do Monte de Piornedo ten claro cal é o seu cometido, porque así nolo transmitiron os nosos maiores: conservar e protexer o monte… e niso andamos.

Se camiñades polo monte poderedes ver algúns dos traballos que estamos a realizar: limpeza e restauración de campas, mantemento de sendeiros… o monte medra rápido e estráganos os traballos porque case non hai gando, pero nós somos perseverantes.

Actividade para identificar flora e fauna

A comarca das Ancares caracterízase por ser unha zona de notable valor ambiental no contexto ibérico. É un territorio de media e alta montaña cantábrica, onde se conservan as masas de bosque autóctono máis extensas e mellor conservadas de toda Galicia. O bosque dominante é a carballeira, constituída por diversas especies de carballo que a cotío mestúranse no espazo, así aparecen o carballo (Quercus robur), o carballo branco ou rebola como denominamos por Piornedo a esta especie (Q. petraea) e o cerquiño (Q. pyrenaica).

A comarca alberga unha diversificada comunidade faunística, destacando especies coma o oso (Ursus arctos) que conta cunha presenza cada vez máis estable na zona, o lobo ibérico (Canis lupus signatus), a aguaneira (Galemys pyrenaicus) e o peto negro (Dryocopus martius). Todas elas, emblemas da natureza cantábrica que atopan en Galicia o seu límite de distribución occidental.

A importancia dos valores naturais que alberga a serra motivou a súa inclusión en distintas figuras de protección:

  • Lugar de Importancia Comunitaria (LIC Ancares – Courel)
  • Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA ES0000374 Ancares).
  • Declarada pola UNESCO “Reserva da Biosfera de Os Ancares lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá”.

Por todo o anterior, folga dicir que a comarca dos Ancares constitúe unha das áreas de maior interese natural en Galicia e polo tanto un patrimonio para todas as galegas  que debe ser conservado co apoio de todas ao igual que calquera outro ben de interese como é o caso da catedral de Santiago, a Torre de Hércules ou as Illas Cies.

O MONTE DE PIORNEDO

O monte de Piornedo é un monte de varas, é dicir un monte privado de carácter comunal, que conta cunha superficie de 804 Ha situadas na vertente galega da serra dos Ancares. É un monte protector cun alto valor ambiental. Aquí atopamos unha representación dos hábitats máis xenuínos da montaña cantábrica. As zonas altas do monte están dominadas polos estratos rochosos con formacións típicas dos ambientes subalpinos que van dando paso a extensas áreas con representación de hábitats higroturbosos e de matogueira húmida, formacións herbáceas e outras matogueiras e arbustos típicos do piso supraforestal, que conforman a zona do  monte coñecida como “ A braña” e que é lugar tradicional de pastoreo para o gando.

O bosque tamén esta ben representado neste espazo,dominando as masas maduras de bidueiro (Betula pubescens) e carballo branco ou rebola (Quercus petraea) cun estrato arbustivo e subarbustivo ben desenvolvido e representado, entre outras especies, polo acivro (Ilex aquifolium),o arando (Vaccinium mirtillus) e distintos tipos de uces e fentos. Nas inmediacións da zona boscosa atópanse pequenas superficies de “campa” a onde en época estival aínda se sube gando maior (vacas).

En canto á fauna, o Monte de Piornedo é transitado habitualmente polo oso (Ursus arctos), o lobo (Canis lupus signatus), o corzo (Capreolus capreolus) e o xabaril (Sus scrofa). A lebre de piornal (Lepus castroviejoi), a charrela (Perdix perdix hispaniensis) e o peto negro (Dryocopus martius) son outros dos seus habitantes habituais. A  aguia real (Aquila chrysaetos) ten a zona coma parte dos seus dominios, xa que un parella reprodúcese na vertente leonesa da serra. Tamén é destacable a presenza de varias especies de morcegos ameazados e da lagartixa das brañas (Zootoca vivipara), especie moi rara en Galicia, da que só se coñecen pequenas poboacións nas serras do Xistral e aquí nos Ancares. Ata finais do século XX a pita do monte (Tetrao urogallus) estivo presente aquí, sendo un dos últimos lugares dos que desapareceu en Galicia. Esta especie sobrevive no imaxinario colectivo da comarca, sendo un animal emblemático para a xente da montaña.

O monte de Piornedo está moi ligado á actividade da xente da aldea. O seu aproveitamento foi mudando segundo as necesidades dos veciños nas distintas épocas, así ata hai poucos anos o monte era intensamente pastoreado en réxime de “beceira” e había zonas destinadas ao cultivo do cereal (Searas) que proporcionaban o gran para o pan e a palla para o teitado das pallozas. Actualmente o uso agrogandeiro decaeu e a penas hai unhas poucas vacas no monte. O mantemento de certos hábitats herbáceos como as campas ou de certos matos, hoxe en día, depende do mantemento dun mínimo de actividade humana. Estes hábitats son imprescindibles para especies como a charrela ou a lebre de piornal.

ESPECIES SENLLEIRAS DO MONTE DE PIORNEDO

O acibro ou xardón (Acebo, Ilex aquifolium)

Árbore con características follas espiñentas perennes e con froitos vermellos que cumpre unha importante función na ecoloxía de moitas especies da montaña cantábrica. A maior parte das acibreiras actuais responden a un aproveitamento humano secular xa que, tradicionalmente, o xardón foi utilizado para alimentar ao gando sobre todo en época de escaseza doutros recursos.

A xanzá (Genciana, Gentiana lutea)

Planta característica dos hábitats herbáceos da montaña cantábrica, de aspecto chamativo debido á coloración amarelenta ou alaranxada das súas frores. Moi utilizada polas súas propiedades mediciñais dende tempos inmemoriables aínda, hoxe en día, é recolectada polos veciños para elaborar beberaxe con múltiples aplicacións mediciñais.

Xanzá
Árnica

A árnica (Arnica montana)

Especie ligada aos hábitats herbáceos de características follas compostas amarelas. Posúe amplas propiedades farmacolóxicas polas que foi masivamente recolectada para a industria farmacéutica.

A pita do monte (Urogallo, Tetrao urugallus)

Ave emblemática das montañas dos Ancares. Actualmente está extinguida aínda que perdura fortemente arraigada no imaxinario popular. O Agulleiro, dentro deste monte de Piornedo, foi unha das últimas zonas con presencia da especie nos Ancares de Lugo. A pita do monte cantábrica atópase en perigo crítico, sendo obxecto de distintos programas de recuperación. Agardemos que estes esforzos poidan revertir o negativo estado de conservación desta especie e que nun futuro, máis ou menos cercano, poida regresar a estas montañas.

Pita do monte ou urogalo
Oso Pardo

O oso pardo (Ursus arctos)

A poboación cantábrica de oso pardo estase a recuperar despois de tocar fondo nos anos 90 do século pasado. En Galicia, Os Ancares é a zona con maior presenza da especie, sendo o monte de Piornedo un dos seus hábitats máis senlleiros debido as boas condicións de refuxio e alimento que aquí atopa.

Fotografía: Fundación Oso Pardo.

O rebezo (Rebeco, Rupricapra parva)

Esta especie, emparentada coas cabras domésticas, ten no monte de Piornedo unha das súas maiores densidades en Galicia. Habitante dos altos cumios é un especialista destes hábitats dónde se desenvolve cunha habilidade natural.

Rebezo
O corzo

O corzo (Capreolus capreolus)

Este pequeno cérvido de aspecto grácil atopa neste monte un hábitat idóneo. Ata a aparición da enfermidade da cefenemiosis producida por un parásito larvario intranasal, a poboación dos Ancares era unha das mais densas da Península Ibérica. Actualmente a poboación está en recuperación.

A aguia de real (Águila real, Aquila chrysaetos)

A raíña das aves conta con moi poucas parellas en territorio galego. Esta rapaz de gran tamaño ten unha dieta variada a base de lebres, rebezos, corzos, aves e mesmo prea, adoitando a criar en cantís rochosos. O monte de Piornedo é o territorio de campeo dunha das parellas que vive na Serra dos Ancares.

Águia Real
A  charrela

A charrela (Perdiz pardilla, perdix perdix)

Aínda que en Europa é un ave de chaira, en España é típica de montaña, e aparece restrinxida aos principais macizos montañosos do terzo norte peninsular, con tres núcleos principais illados entre si: Pirineos, Sistema Ibérico e Cordilleira Cantábrica. Nestas zonas ocupa mosaicos de matogueira e pasteiro, preferentemente por riba dos 1.500 metros de altitude. Moi gregaria, realiza movementos altitudinais no inverno cara aos fondos de val. O monte de Piornedo é un moi bo lugar para tentar observar a algunha das últimas charrelas galegas.

A lebre de Piornal (Liebre de piornal, Lepus castroviejoi)

É unha especie exclusiva da montaña cantábrica que foi descrita na segunda metade do século XX a partir de exemplares capturados para o seu estudo, varios deles procedentes no monte de Piornedo. O seu tamaño é maior que o da lebre ibérica e está adaptada a vivir na montaña. A súa presenza en Galicia restrínxese aos Ancares.

Lebre de piornal
Lagartixa das brañas

A Lagartixa das brañas (Lagartija de turbera, Zootoca vivipira)

En Galicia, esta lagartixa de pequeno tamaño únicamente se atopa nalgunhas zonas das montañas septentrionais e nos Ancares. O monte de Piornedo coas súas amplas zonas turbosas (brañas húmidas) constitúe un hábitat óptimo para a especie.

Descubre Piornedo

Descubre Piornedo 1
Scroll ao inicio