O Quintairo das ovellas, como podes ver, é unha praciña pequena que se encontra entre a casa da Casanova, a casa vella de Poleo (modificada) e a casa vella de Robledo. Como podes ler, nós non lles chamamos pallozas, senón casas vellas. É un nome máis entrañable e agarimoso para as que foron as nosas casas e as das nosas familias ata fai tan pouco tempo.
A esta praza chamámoslle o Quintairo das Ovellas porque nela era onde se xuntaban pola mañá as ovellas da veceira e onde se xebraban pola tarde.
Unha veceira é unha quenda de pastoreo, pero tamén se utilizaba o mesmo orde da veceira para mallar, regar, pasar o libro do celador… En Piornedo había bastante gando e facíanse tres veceiras: a das ovellas, a das cabras e a dos bois.
Veceira das Ovellas
Normalmente, coas ovellas ían as mozas. Tocáballe cada día a dúas casas, por orde e gardaban un día por cada catro reses que botaran ao rabaño común. Pola mañá, cando era hora de sacar as ovellas, xuntábanse as pastoras e ían berrando polas casas : “sacai as ovellas, as ovellas…” e cada un traía as del ao Quintairo. As mozas encargadas ese día, marchaban con elas e coa merenda. Pola noite, cando chegaban volvían vocexar para que cada un viñera recoller as da súa casa. Os donos chamábanas (xebra, xebra...) e marchaban as de cada casa.
As mozas aproveitaban cando ían coas ovellas para aprender a tocar a pandeira e a bailar o solto. Se non tiñan nada que facer sumábanse ao pastoreo outras mozas ou raparigas e botaban o día con xogos, música… O peor era se viña o lobo ou os días que chovía e facía frío.
Veceira das cabras
As cabras saían todo o ano, porque cando hai neve comen ramallas por encima. Os pastores das cabras eran os rapaces.
Veceira dos bois
Só había veceira dos bois no verán. Botábanse os bois para a braña (na zona alta do monte) e durmíase con eles alí (nunha cabana). Gardabas un día por cada dous bois ou becerros que botaras. Todos querían ir cos bois, porque cando toda a xente andaba recollendo a herba e o pan, os pastores da braña dormían o que querían.