5. O Campón

Isolina cóntanos que nas casas vellas non había mesa porque era costume comer na man, de pé. Moitas veces a xente comía fóra, nas pequenas prazas do lugar, onde se xuntaban os veciños e veciñas das casas máis próximas.

Como estamos na praza máis grande do lugar, este é o sitio axeitado para falar de festas que se celebran en Piornedo: o San Lourenzo, a Festa da Pandeira e o Entroiro.

As festas

O campón é a primeira praza que hai ao entrar no lugar, a máis grande. As prazas e os camiños sempre son lugares de encontro cos veciños, de falar.

Hai unha costume curiosa, de orixes moi remotos: a xente Piornedo, polo menos mentres estivemos vivindo nas pallozas, non comiamos sentados arredor dunha mesa, comiamos na man, moitas veces de pé. Polo mediodía, cando non se saía co gando ou a traballar nas fincas, cada un botaba o seu caldo nunha cazola (ou conca se era de madeira) e saía comer ao lugar mentres charlaba cos veciños. En cada praciña do lugar tiñan costume de xuntarse os das casas máis achegadas. Cando acababas o caldo volvías e collías un cacho de touciño (xixo) ou de chourizo, o que houbera, encima do pan e comíalo cortando pedazos coa navalla.

Outra costume que se vai perdendo era a de que cando atopabas algún veciño polo camiño non lle dicías boas tardes, dicíaslle ¿pronde vas?, ou ¿donde veis?. Sempre explicabamos e ninguén se ofendía, porque os veciños eran como da familia.

Pero aquí no Campón do que temos que falar é das festas, porque é a praza mais grande e nela celébrase a festa do lugar (o San Lourenzo, o día 10 de agosto). Fanse boas festas no Campón. Dá gusto ver a toda a xente endomingada e con ganas de jarana.

A Festa da pandeira

No Campón tamén se fixo varios anos nesta praza a Festa da Pandeira que é un encontro de tocadoras de Pandeira (en feminino sempre, porque era un instrumento que tocaban as mulleres). Este encontro contribuíu a que este instrumento e os seus toques e coplas se deran a coñecer e hoxe estase recuperando no folclore galego. Moitos grupos están incorporando a pandeira nos seus repertorios.

A Festa da Pandeira tamén é un encontro entre territorios irmáns (Ancares de León e Lugo, Ibias, Degaña…) con cultura común que se deixaron de relacionar porque a organización administrativa as puxo de costas ou por outras razóns como a desaparición das feiras, que eran o punto de encontro natural.

Se queres estar ao tanto de todo o relacionado con esta festa, podes seguir a páxina de Facebook da Festa da Pandeira.

O ENTROIRO

Pero a festa máis celebrada de todo o ano era antes o Entroiro. Durante varios días ían, sobre todo os mozos, andando disfrazados aos pobos da rodeada e recollían o que lles daban (ovos, chourizos…). Con iso facían cea e polavila durante varios días. Pasaban máis dunha semana sen durmir! Hoxe aínda seguimos saíndo algúns coas carantoñas e tamén corremos o entroiro (con fachas acesas), tamén facemos a fogueira para rematar a festa.  

Compartimos aquí unha galería de fotografías que realizadas por Fernando de Zenay Studio do Entroiro de 2023.

Descubre Piornedo

Descubre Piornedo 1
Scroll ao inicio