O monte de piornedo
as especies senlleiras
O bosque está ben representado neste espazo, dominando as masas maduras de bidueiro (Betula pubescens) e carballo branco ou rebola (Quercus petraea) cun estrato arbustivo e subarbustivo ben desenvolvido e representado, entre outras especies, polo acivro (Ilex aquifolium),o arando (Vaccinium mirtillus) e distintos tipos de uces e fentos.
Nas inmediacións da zona boscosa atópanse pequenas superficies de “campa” a onde en época estival aínda se sube gando maior (vacas).
En canto á fauna, o Monte de Piornedo é transitado habitualmente polo oso (Ursus arctos), o lobo (Canis lupus signatus), o corzo (Capreolus capreolus) e o xabaril (Sus scrofa). A lebre de piornal (Lepus castroviejoi), a charrela (Perdix perdix hispaniensis) e o peto negro (Dryocopus martius) son outros dos seus habitantes habituais. A aguia real (Aquila chrysaetos) ten a zona coma parte dos seus dominios, xa que un parella reprodúcese na vertente leonesa da serra.
Tamén é destacable a presenza de varias especies de morcegos ameazados e da lagartixa das brañas (Zootoca vivipara), especie moi rara en Galicia, da que só se coñecen pequenas poboacións nas serras do Xistral e aquí nos Ancares.
Ata finais do século XX a pita do monte (Tetrao urogallus) estivo presente aquí, sendo un dos últimos lugares dos que desapareceu en Galicia. Esta especie sobrevive no imaxinario colectivo da comarca, sendo un animal emblemático para a xente da montaña.

Identificación de especies

O acibro ou xardón (Acebo, Ilex aquifolium)
Árbore con características follas espiñentas perennes e con froitos vermellos que cumpre unha importante función na ecoloxía de moitas especies da montaña cantábrica.
A maior parte das acibreiras actuais responden a un aproveitamento humano secular xa que, tradicionalmente, o xardón foi utilizado para alimentar ao gando sobre todo en época de escaseza doutros recursos.
A xanzá (Genciana, Gentiana lutea)
Planta característica dos hábitats herbáceos da montaña cantábrica, de aspecto chamativo debido á coloración amarelenta ou alaranxada das súas frores.
Moi utilizada polas súas propiedades mediciñais dende tempos inmemoriables aínda, hoxe en día, é recolectada polos veciños para elaborar beberaxe con múltiples aplicacións mediciñais.


A árnica (Arnica montana)
Especie ligada aos hábitats herbáceos de características follas compostas amarelas.
Posúe amplas propiedades farmacolóxicas polas que foi masivamente recolectada para a industria farmacéutica.
A pita do monte (Urogallo, Tetrao urugallus)
Ave emblemática das montañas dos Ancares. Actualmente está extinguida aínda que perdura fortemente arraigada no imaxinario popular. O Agulleiro, dentro deste monte de Piornedo, foi unha das últimas zonas con presencia da especie nos Ancares de Lugo.
A pita do monte cantábrica atópase en perigo crítico, sendo obxecto de distintos programas de recuperación. Agardemos que estes esforzos poidan revertir o negativo estado de conservación desta especie e que nun futuro, máis ou menos cercano, poida regresar a estas montañas.


O oso pardo (Ursus arctos)
A poboación cantábrica de oso pardo estase a recuperar despois de tocar fondo nos anos 90 do século pasado. En Galicia, Os Ancares é a zona con maior presenza da especie, sendo o monte de Piornedo un dos seus hábitats máis senlleiros debido as boas condicións de refuxio e alimento que aquí atopa.
Fotografía: Fundación Oso Pardo.
O rebezo (Rebeco, Rupricapra parva)
Esta especie, emparentada coas cabras domésticas, ten no monte de Piornedo unha das súas maiores densidades en Galicia. Habitante dos altos cumios é un especialista destes hábitats dónde se desenvolve cunha habilidade natural.


O corzo (Capreolus capreolus)
Este pequeno cérvido de aspecto grácil atopa neste monte un hábitat idóneo. Ata a aparición da enfermidade da cefenemiosis producida por un parásito larvario intranasal, a poboación dos Ancares era unha das mais densas da Península Ibérica. Actualmente a poboación está en recuperación.
A aguia de real (Águila real, Aquila chrysaetos)
A raíña das aves conta con moi poucas parellas en territorio galego. Esta rapaz de gran tamaño ten unha dieta variada a base de lebres, rebezos, corzos, aves e mesmo prea, adoitando a criar en cantís rochosos. O monte de Piornedo é o territorio de campeo dunha das parellas que vive na Serra dos Ancares.


A charrela (Perdiz pardilla, perdix perdix)
Aínda que en Europa é un ave de chaira, en España é típica de montaña, e aparece restrinxida aos principais macizos montañosos do terzo norte peninsular, con tres núcleos principais illados entre si: Pirineos, Sistema Ibérico e Cordilleira Cantábrica.
Nestas zonas ocupa mosaicos de matogueira e pasteiro, preferentemente por riba dos 1.500 metros de altitude. Moi gregaria, realiza movementos altitudinais no inverno cara aos fondos de val. O monte de Piornedo é un moi bo lugar para tentar observar a algunha das últimas charrelas galegas.
A lebre de Piornal (Liebre de piornal, Lepus castroviejoi)
É unha especie exclusiva da montaña cantábrica que foi descrita na segunda metade do século XX a partir de exemplares capturados para o seu estudo, varios deles procedentes no monte de Piornedo. O seu tamaño é maior que o da lebre ibérica e está adaptada a vivir na montaña. A súa presenza en Galicia restrínxese aos Ancares.


A Lagartixa das brañas (Lagartija de turbera, Zootoca vivipira)
En Galicia, esta lagartixa de pequeno tamaño únicamente se atopa nalgunhas zonas das montañas septentrionais e nos Ancares. O monte de Piornedo coas súas amplas zonas turbosas (brañas húmidas) constitúe un hábitat óptimo para a especie.charrelas galegas.
o contexto natural da comarca de ancares
O valor ambiental dos Ancares
A comarca das Ancares caracterízase por ser unha zona de notable valor ambiental no contexto ibérico. É un territorio de media e alta montaña cantábrica, onde se conservan as masas de bosque autóctono máis extensas e mellor conservadas de toda Galicia. O bosque dominante é a carballeira, constituída por diversas especies de carballo que a cotío mestúranse no espazo, así aparecen o carballo (Quercus robur), o carballo branco ou rebola como denominamos por Piornedo a esta especie (Q. petraea) e o cerquiño (Q. pyrenaica).
A comarca alberga unha diversificada comunidade faunística, destacando especies coma o oso (Ursus arctos) que conta cunha presenza cada vez máis estable na zona, o lobo ibérico (Canis lupus signatus), a aguaneira (Galemys pyrenaicus) e o peto negro (Dryocopus martius). Todas elas, emblemas da natureza cantábrica que atopan en Galicia o seu límite de distribución occidental.


As figuras de protección
A importancia dos valores naturais que alberga a serra motivou a súa inclusión en distintas figuras de protección:
- Lugar de Importancia Comunitaria (LIC Ancares – Courel).
- Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA ES0000374 Ancares).
- Declarada pola UNESCO “Reserva da Biosfera de Os Ancares lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá”.
Por todo o anterior, folga dicir que a comarca dos Ancares constitúe unha das áreas de maior interese natural en Galicia e polo tanto un patrimonio para todas as galegas que debe ser conservado co apoio de todas ao igual que calquera outro ben de interese como é o caso da catedral de Santiago, a Torre de Hércules ou as Illas Cies.