II Bioblitz de piornedo

Os días 13 e 14 de xullo de 2024 tivo lugar o II Bioblitz de Piornedo, unha actividade organizada pola Asociación Galega de Custodia do Territorio que reuniu a persoas amantes da natureza co obxectivo de identificar o maior número posible de especies de flora, fauna e micobiota na contorna da aldea de Piornedo, en Cervantes. Unha actividade para afondar no coñecemento da biodiversidade dos Ancares lucenses e fomentar a súa conservación.

A xornada do sábado comezou ás 11:30 h coa recepción das persoas participantes, seguida dunha breve presentación do evento. Ás 12:00 h puxémonos en marcha cos primeiros itinerarios de descuberta de biodiversidade. Guiados por persoas expertas, os grupos exploraron distintas zonas representativas dos arredores, anotando citas de especies e facendo observacións que logo se incluíron no inventario.

Ás 15:00 h fixemos unha parada para repoñer forzas cunha degustación de produtos da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, un momento perfecto para compartir impresións, intercambiar experiencias e saborear os produtos locais. A tarde continuou co segundo itinerario de descuberta, onde se completaron as observacións iniciadas pola mañá.

Ao longo do fin de semana, o Bioblitz converteuse nun espazo de aprendizaxe ao aire libre, accesible tanto para persoas con coñecementos técnicos como para aquelas que participaban por primeira vez dun evento deste tipo. A actividade non só serviu para recoller datos valiosos sobre o medio natural, senón tamén para fomentar o respecto pola biodiversidade e o papel da cidadanía na súa protección.

Eventos coma este poñen en valor a riqueza dos Ancares e fan visible a importancia de conservar os nosos ecosistemas. A implicación das persoas participantes, así como o compromiso da organización, contribuíron ao éxito desta segunda edición do Bioblitz en Piornedo.

Desde a Asociación o Teixeiro, queremos agradecer á Asociación Galega de Custodia do Territorio e a todas as persoas asistentes pola súa participación activa e o seu interese no noso monte.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio