Mapa da ruta Descubre Piornedo

Descubre Piornedo

As veciñas e veciños de Piornedo, queremos darvos a benvida ás persoas que visitades a nosa aldea e convidarvos a coñecer un pouco máis o lugar a través da mirada e das voces da xente que vivimos aquí.

Deseñamos unha ruta de aproximadamente dúas horas, na que te guiaremos polos 20 puntos de interese que completan este paseo polo lugar.

Historia, cultura, tradicións, curiosidades e memoria, teñen espazo neste percorrido singular que che permitirá descubrir con calma un lugar único como Piornedo.

Roteiro audio-guiado

En cada un dos puntos sinalados neste percorrido hai un código QR.  Se lle apuntas ca cámara do teu móbil, permitirache ir navegando por esta web e escoitar da voz das veciñas e veciños un anaco das historias e memorias relacionadas co lugar.

Con este roteiro quixemos recoller e tamén conservar unha parte da nosa historia e da nosa memoria colectiva. Tamén poñer en valor a riqueza patrimonial, cultural e natural que nos foi transmitida e que nós encargaron coidar e protexer.

Esperamos que desfrutedes deste paseo con nós.

O monte de Piornedo

O Monte de Piornedo

Piornedo ten máis de 800 hectáreas de monte privado, de varas, que pertence aos veciños e veciñas do lugar. É un monte ben conservado e unha fonte de biodiversidade, xa que conta cunha gran variedade de especies animais, vexetais e micetais.

Como propietarios deste monte, queremos conservalo polo seu gran valor natural, pero tamén polo patrimonio inmaterial ligado a este espazo e por todas as historias, toponimia ou lendas que aínda podemos recordar.

Para manter esa memoria e documentar esta parte da nosa historia, quixemos recoller e gardar nesta páxina web información que co paso das xeracións se vai esquecendo. A memoria do pastoreo, a toponimia, as lendas, plantas menciñais, as nosas reboleiras, ou imaxes da fauna que atesoura o monte de Piornedo, son só unha pequena mostra do que estas 800 hectáreas supoñen.

O roteiro das veciñas de piornedo

Scroll ao inicio